Friday 17 de May de 2024

As solicitudes de instalacións fotovoltaicas para autoconsumo disparáronse no 2022 tanto en vivendas coma en empresas


O ano pasaron tramitáronse 19 expedientes, o dobre que no 2021, e este ano xa chegou ao concello a primeira solicitude

A suba dos prezos da enerxía está a impulsar o uso da enerxía solar tanto nos fogares coma nas empresas. Dende o ano 2021 vense experimentando un considerable incremento que sitúa o mercado solar español na segunda posición de Europa, por detrás de Alemaña, e na oitava a nivel mundial. No 2022 practicamente se duplicou a potencia instalada no territorio estatal, unha proporción aplicable tamén ao noso concello.

En Carballo duplicáronse as solicitudes de instalacións fotovoltaicas para autoconsumo, pasando das oito do ano 2021 ás dezanove do 2022.

Dos 27 expedientes tramitados na oficina técnica municipal nestes dous anos, 14 corresponden a vivendas situadas nas parroquias de Artes, Sofán, Goiáns, Verdillo, Cances, Carballo, Bértoa (3), Entrecruces, Oza, Rus, Noicela e Rebordelos. O resto das solicitudes son de empresas de todo tipo, a maioría situadas no polígono industrial de Bértoa, pero tamén hai unha granxa en Rus, unha canteira en Cances, unha estación de servizo ou un establecemento de hostalaría en Carballo.

No que levamos de 2023 xa se presentou a primeira solicitude, neste caso para outra estación de servizo en Carballo, o que parece indicar que se mantén o interese por este tipo de instalacións para autoconsumo. Se todo segue segundo o previsto, as enerxías renovables deberán xerar máis electricidade que o carbón no ano 2025, e o peso da enerxía solar será fundamental para acadar esa meta.